Thursday 09 de May de 2024

O Concello de Miño aproba o proxecto para a renovación da rede de abastecemento e do pavimento da vía en Outeiro, Sombreu


• O pleno municipal aprobou hoxe esta actuación, valorada en 200.377,84 euros e tamén a proposta para facultar ao alcalde para asinar a escritura na que se formaliza a propiedade municipal das cinco parcelas de Costa Miño.

O Concello de Miño aprobou hoxe en pleno un proxecto valorado en 200.377,84 euros para a renovación da rede de abastecemento en Outeiro ( Sombreu) e, á súa vez, a posterior pavimentación da vía.
A rede de abastecemento de auga situada en Outeiro constitúe un tramo da rede xeral do municipio e, ao ter unha antigüidade superior a 40 anos, necesita claramente unha renovación.

As obras para levar a cabo inclúen a substitución da rede actual de fibrocemento por unha de fundición e a renovación total do pavimento nos tramos onde levarán a cabo as obras. O prazo de execución estímase en 2 meses desde o inicio dos traballos.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, manifestou que a intención do goberno local é a de solicitar á Deputación dá Coruña que colabore co financiamento deste proxecto.

Doutra banda, na sesión plenaria tamén se aprobou a proposta para facultar ao alcalde para asinar a escritura na que se formaliza a propiedade das cinco parcelas de Costa Miño, que pasarán a formar parte do patrimonio municipal e que son: as do campo de golf, unha parcela para uso comercial, outra con destino a determinar e a última que xa conta coas estruturas de 20 vivendas pareadas.